Plan de Acción para a Economia circular

Puntos de interese: Arquitectura popular

MUÍÑOS

Os muíños son un elemento etnográfico de grande interese. En Villestro están localizados 10 muíños, o que indica un uso intenso do río Roxos. Moitos deles teñen un acceso complicado ou o seu estado de conservación e a maleza non permitiron acceder ao interior. Son, en xeral, de pequenas dimensións e en moitos casos consérvase a súa maquinaria (moas, rodicio…), asentos e pedras de apoio para os sacos, así como infraestruturas asociadas como as canles que achegaban a auga ao muíño ou pontellas de acceso. Dous deles conservan inscricións nos linteis: en Carlexo “UNA DE dos oY NO”, “ANO 1891” ao lado dereito da porta e quizais o propietario “MANUEL NIETO”; en Fraíz, “UNA DE DOS O NO ENTRA AQUÍ O LABRA A DIOS – AÑO 1898 A O”.

 

FONTES E LAVADOIROS

Villestro é unha parroquia rica en mananciais que nacen nos seus montes e como mostra disto temos 12 fontes, con ou sen lavadoiro. Aínda que están en funcionamento, o seu aspecto dista bastante do orixinal, con moitos arranxos e renovacións en cemento e plásticos, e nalgúns casos moi deslucidas polas novas estradas. Destaca o aspecto enxebre da fonte de Piñeiro, e da fonte do Cura (ou fonte Nova, ou fonte da Nosa Señora), que actualmente forma parte do conxunto da igrexa parroquial, pero que no seu día se atopaba a uns 400 metros, no camiño tradicional de subida a Paraveche. Está formada dun depósito de auga pechado, cano de pedra, pía cadrada e todo un sistema de canalización da auga. A forma en que se capta a auga é tamén interesante nunha das fontes de Fraíz, cunha sucesión de caídas desde o manancial ata chegar á fonte.

HÓRREOS

Conta esta parroquia rural con arredor de 100 hórreos, vinculados case sempre a vivendas. A súa forma é sempre rectangular e, aínda que existe algún exemplo illado construído na súa totalidade en pedra, a maioría correspóndese co tipo mixto: base, listeis, columnas e penais de pedra, con claros (entre 2 e 4) pechados con doelas verticais e bastidores de madeira. A base aparece ás veces pechada a modo de celeiro, con pedra, madeira ou mesmo ladrillo. A presenza de materiais modernos como ladrillo ou o cemento substituíndo as partes de madeira non é infrecuente. Son peculiares dous hórreos que teñen a entrada nun dos laterais, en lugar de atoparse na cabeceira baixo a cruz, e un hórreo de Reborido feito ao completo en madeira.