7ª Parada
Lugar de Carballal
Lugar de Carballal
Trocos na fisionomía do campo a través do tempo na contorna rural do Camiño.
Lugar de Carballal na parroquia de Villestro
Lugar de Carballal na parroquia de Villestro é unha desas aldeas típicas galegas; casas de labranza con hórreos, eira, etc. É un dos núcleos mellor conservados coas casas de pedra restauradas case na súa totalidade.
Xa estamos situados na parroquia de Villestro, atopámonos no lugar de Carballal,un dos trece núcleos rurais que forman parte da parroquia.
A meirande parte destes núcleos sufriron un cambio no modo de uso da terra, deixando de ser un espazo de aproveitamento agrícola e gandeiro para converterse nun espazo semiurbano. O campo é unha actividade secundaria. O lugar máis rural podería ser Reborido,que é o máis apartado da parroquia. Gran parte dos núcleos desta parroquia convertéronse en lugares residenciais, tal como viñemos apreciando antes de chegar aquí.
A maior parte da poboación traballa fora do lugar, na cidade, e hai moita xente de fora que veu vivir aquí. As zonas residenciais non teñen evidentemente nada agrícola, e as de aquí de sempre manteñen as hortas pero non como medio de vida.
Fronte a nós vemos unha casa ben restaurada e o típico hórreo galego.
O hórreo é unha construción para almacenar, secar e conservar o gran, o cal esixe unha boa ventilación, illamento e protección da humidade, ademais dun adecuado sistema de defensa contra insectos, roedores e paxaros.
Existen distintas formas de hórreos: redondos, cadrados, octogonais, rectangulares e incluso en forma de “L”. Segundo a zona de Galicia tamén se diferencian estilos de hórreo. Na zona de Santiago, Pontevedra e Lalín dáse o estilo Mahía.
Polos materiais empregados na súa construción os hórreos poden ser: de varas, madeira, pedra e mixto.
A forma do mesmo e os materiais empregados dependían do gran que se ía a almacenar (porque non só almacenaban millo senón tamén trigo, centeo …), do clima da zona, da cantidade de gran, a fantasía do construtor e os medios económicos dos que se dispoñía.
A orixe desta clase de construción non está determinada, aínda que existen documentos moi antigos nos que se fai referencia a eles.
As partes máis relevantes dun hórreo son: tornaformigas, soportes, tornarratos, dinteis, claros, penais, tellados, sobreceas e adornos (cruces e turulecos).
O Val de Roxos é un val cun clima máis benigno que o de Santiago de Compostela o que deu lugar a propiciar abundancia de produtos hortícolas e froitais, dos que unha gran parte eran vendidos en Compostela.
No canto ao tema gandeiro, tamén a Compostela ían a vender o leite as leiteiras de Villestro que pasaban por este camiño.
Cabe destacar que este camiño tamén foi un camiño real, fundamental para o enlace co Val da Mahía.
Todo isto engloba a transformación deste núcleo.