Como vivían?
Viaxa ao pasado e descubre cómo vivían nos albores do Bronce
Viaxa ao pasado e descubre cómo vivían nos albores do Bronce
As comunidades desta época practicaban unha economía semellante á do Neolítico. A obtención dos metais necesarios para a fabricación dos materiais (armas, xoias, útiles de labranza…) existía grazas á práctica dunha minería do cobre, estaño, chumbo, ouro e prata.
Vivían en asentamentos -poboados- ao aire libre ocupados episodicamente ou sexa con recorrencia na ocupación dun mesmo asentamento. Diversos traballos arqueolóxicos como os realizados con motivo da construción da rede de gasificación de Galicia, entre outros, permitiron ampliar o número de xacementos da Idade do Bronce. Grazas a estas investigacións podemos coñecer pautas de localización destas comunidades. Os asentamentos situábanse en pequenas chairas a media ladeira ou próximas aos altos dos montes, en moi raras ocasións en zonas baixas do monte. O sistema de rozas implicaba que ao cabo de dous ou tres anos tiñan que ser abandonados debido á diminución de nutrientes e á perda de estrutura agregada que provocaba o encharcado do terreo e a imposibilidade de volver cultivalo ata pasados entre seis e nove anos, tempo no que recuperar as súas características iniciais. Isto motivaba o desprazamento do poboado na procura de terreos cultivábeis (Santos Estévez). Pénsase que tiñan unha mobilidade limitada a unha determinada serra ou monte pola concentración de grupos de asentamentos non simultáneos que se pode apreciar nalgunhas zonas. Poden considerarse asentamentos seminómadas vinculados a un determinado territorio.
Na paisaxe da Idade do Bronce, os lugares habitados atópanse en terreos elevados con planicie, nun plenalto, e en chairas próximas ás brañas. En contraposición, na paisaxe tradicional a poboación e os campos actuais localízanse no val.
Dos primeiros tempos da metalurxia datan as evidencias máis antigas de poboados na nosa terra que conforman os comezos da cultura castrexa.
A base sobre a que se sustentaban estas comunidades estaría na gandería e na agricultura mediante o sistema de rozas. A tecnoloxía agrícola da Idade do Bronce, implicaba a utilización de solos lixeiros e ben drenados propios das serras, rexeitando as terras do val máis pesadas e cubertas de densa vexetación arbórea.
Na vexetación existente nesta época, propia do clima atlántico, atopamos carballeiras, sobreiras, olmos, freixos, abeleiras, árbores froiteiras, arbustos e numerosas plantas. Desaparecen a maior parte dos animais de caza maior para dar paso a animais máis adaptados ás novas condicións (cervos, xabarís, coellos, lebres, raposos, lobos…)
Xunto á agricultura e á gandería dedicábanse á produción artesanal de ferramentas e utensilios de madeira e pedra, olería, cestería, tecido, moenda…
Os poboados vanse facendo permanentes e tenden á fortificación. Os enterramentos individuais -cistas- van gañando importancia. Os asentamentos da primeira fase desta época son de carácter temporal feitos con materiais perecedoiros. Da última fase do Bronce datan os primeiros castros galegos.
Asociacións Villestro
Información de interese
Consulte a nosa política de privacidade
As cookies estritamente necesarias teñen que activarse sempre para que poidamos gardar as túas preferencias de axustes de cookies.
Se desactivas esta cookie non poderemos gardar as túas preferencias. Isto significa que cada vez que visites esta web terás que activar ou desactivar as cookies de novo.