A arte rupestre na bisbarra
Aproximación aos petróglifos de Villestro no conxunto do Eixe Atlántico
Aproximación aos petróglifos de Villestro no conxunto do Eixe Atlántico
A caracterización xeográfica é moi significativa para a organización do poboamento prehistórico: localización no val do Sar que comprende as cabeceiras dos ríos Roxos, Figueiras e Sarela, en dirección oeste-leste. Este val alóxase na depresión meridiana e esta enmarcado por macizos graníticos moi pronunciados que, en parte, definen tamén o límite occidental do Concello de Santiago; o fondo ancho e plano deste val débese a que o río que o forma discorre aproveitando unha reflexión tectónica.
O núcleo dos petróglifos composteláns ten notable interese, posto que é un valioso documento histórico que permite unha aproximación a aspectos da Idade Bronce. Doutras etapas temos poboados ou tumbas, pero desta etapa os gravados rupestres constitúen practicamente a única manifestación. Constitúen un sistema gráfico que permitiu almacenar e transmitir información relativa ao mundo social e natural dos nosos antepasados.
Considérase útil para o estudo da arte rupestre o concepto de sistema de estacións, conxuntos de petróglifos asociados a unha mesma unidade fisiográfica, xeralmente unha serra un monte, como no caso do monte de San Miguel en Fraíz-val de Roxos na zona coñecida como Devesa da Rula- concentrándose no inicio dos accesos ao monte denominados portelas. A unha altura media de 125 a 225 m. Na parte máis baixa próxima a Ponte Brea atopamos dúas laxes do enigmático e curioso petróglifo do Rexio, único da estación catalogado polo de agora.
Observamos que nos petróglifos do val de Roxos, en Villestro, predominan as figuras en forma de coviñas (cazoletas) que se poden presentar illadas, alieñacións de coviñas ou formando parte doutros motivos. O tema máis característico e que confire á arte rupestre galaica unha personalidade diferenciada son as combinacións circulares (aneis concéntricos), co seu amplo e complexo espectro que podemos contemplar en moitos dos petróglifos desta zona. Isto apréciase no petróglifo de Tras Igrexa, con motivos circulares concéntricos simples, catalogado entre o III e o II milenio a.C. Así mesmo, tamén se aprecian representacións do repertorio de temas esenciais dos gravados rupestres do noroeste da península Ibérica, labirintos e labirintoides, idoliformes, cadrados, zig-zags, pias… Apréciase escaseza de representacións de tipo figurativo naturalista fronte a unha notable presenza dos tipos xeométricos, abstractos e semiesquemáticos.
No relativo á técnica de confección destes gravados diferenciamos claramente dous tipos.
Un constituído polos que presentan sucos de sección transversal en U moi aberta, como se fose unha forma ovoide partida cos bordes enormemente desgastados, suaves ao tacto e dunha anchura e liñas xerais polo menos do dobre da profundidade. Esta técnica é con moito a predominante e o aspecto desgastado, vello e erosionado destes sucos fixo que moitos autores intentaran atopar unha explicación convincente no tocante ao método seguido para gravar na rocha. Segundo Vázquez Varela “o máis probable é que o labor de gravado consistira exclusivamente nun minucioso picoteado que a erosión no transcurso dos séculos encargaríase de disimular”.
No caso do outro tipo presentan unha sección transversal en forma de V, cos bordes moi angulosos e as paredes rectas e ásperas nas que, a simple vista e ao tacto, se aprecian as pegadas dos golpes dados cun instrumento afiado e puntiagudo. A profundidade destes sucos adoita ser maior que a súa anchura. Esta técnica fálanos da súa relativa modernidade. Están realizados deste xeito temas como cruces, “ferraduras” e algúns cadrados de ángulos moi pronunciados. Estes motivos representan a zona noroccidental da Península e a súa cronoloxía pódese encadrar nunha fase que arrancaría dende a alta Idade Media e perviviría ata tempos non moi afastados, relacionando estas figuras con delimitacións xurisdicionais de coutos, parroquias etc., desligándose do groso dos gravados prehistóricos galegos.
Nos petróglifos do val de Roxos pódese observar a presenza das dúas técnicas mencionadas podendo datarse dende os 4.000 anos ata a súa reutilización en etapas históricas recentes.
Ás veces son difíciles de observar a causa do grao de erosión que presentan. No referente ao estudo destes restos arqueolóxicos as dificultades coas que nos atopamos, en moitos dos casos, son o pésimo estado de conservación que presentan algúns dos gravados, moitas veces só recoñecibles por trazos e só detectables baixo un tipo de luz. Por outro lado, a falta de sinalización e de coidados provocan que moitos se atopen ilocalizables no medio de toxos, silveiras e eucaliptos, cubertos por musgos e ás veces en zonas perdidas no medio do bosque (caso dos descubertos no monte de San Miguel, os de Vilastrexe). Tamén cómpre ter en conta a existencia de gravados de época contemporánea feitos por individuos que se dedican a gravar nas rochas ou para seren utilizados con outro fins como os xogos. Tamén poden ser alterados polo paso de rutas en bicicleta.
Asociacións Villestro
Información de interese