Descrición
No monte de San Miguel, entre os lugares de Fraíz e Portela, na zona coñecida como Devesa da Rula, en honor á asociación que redescubriu dita estación, concéntrase máis de vinte laxes con gravados prehistóricos. A tipoloxía común dos gravados consta de combinacións circulares, labirintos, espirais, coviñas, esvásticas, cuadrángulos, antropomorfos, zoomorfos. Distínguense dous grupos de temas: os motivos simplemente xeométricos, e os motivos naturais, non fieis nin exactos, pero polo menos poden ser identificados como cuadrúpedes ou figuras humanas. No Val de Roxos o deseño e temática dos petróglifos, é de carácter xeométrica non figurativa, na súa inmensa maioría. Representan a maior concentración de gravados na rocha da comarca de Compostela, tendo sido obxecto dos primeiros achados e referencias de petróglifos da comarca plasmados nos magníficos debuxos de don Enrique Campo Sobrino en 1909.
Salvo o petróglifo do Rexio, que xa esta catalogado por patrimonio, os nomes, datación e demais características dos gravados do resto de laxes foron propostos polo Colectivo A Rula, asociación cultural que ven facendo unha encomiable labor de divulgación e posta en valor da arte rupestre neste territorio.
Información
– Inicio e fin do precorrido circular: Ponte Brea en A Portela, Villestro
– Distancia: 2.6 km
– Duración: 1:30 horas
– Dificultade: Media‐baixa
– Aparcadoiro: Campo de Fútbol, Villestro
Recomendacións
Calzado axeitado, roupa cómoda e auga.
Itinerario
1ª parada. PETRÓGLIFO SAN MIGUEL.
Compre sinalar a excepcionalidade desta laxe por ser irregular con grande cantidade de coviñas.. O deseño dos gravados encádrase dentro do grupo de motivos xeométricos. Obsérvase unha alineación de coviñas, e unha cruz bastante visible nun costado do laxe. Ten 46 coviñas Cronoloxía: prehistoria
2ª parada. PETRÓGLIFOS DEVESA DA RULA I e II.
Devesa da Rula I: Laxe bastante perceptible de dia e moi interesante con luz nocturna. Motivos xeométricos. Dobre aliñamento de coviñas, combinacións circulares, motivos circulares, coviñas exentas.
Devesa da Rula II: Laxe bastante perceptible de dia e moi interesante con luz nocturna. Emociona pola riqueza do gravados. Motivos xeométricos. Combinacións circulares, posible antropomorfo, motivos rectangulares, coviñas exentas. Cronoloxía: prehistoria.
3ª parada. PETRÓGLIFOS DEVESA DA RULA IV y VI.
Devesa da Rula IV: Aconséllase a visita nocturna. Gravado erosionado pola acción do tempo, e pola acción dos incendios forestais Clasifícase como grupo xeométrico Cronoloxía: prehistoria. Catro coviñas agrupadas formando un cadrado, combinacións circulares, formas rectangulares divididas en dous cadrados, algún con coviña central, forma rectangular con esquinas redondeadas e coviña central.
Devesa da Rula VI: Clasifícase como grupo xeométrico Cronoloxía: prehistoria. Primeiro reticulado de 5 por 2 cadrados, cun semicírculo no extremo inferior esquerdo. Segundo reticulado en forma de L, parte superior doce cadrados, parte inferior un cadrado. Ambos reticulados unidos por un suco.
4ª parada. PETRÓGLIFO OS CORTELLOS I.
Conxunto de cinco coviñas na zona superior e outras cinco na zona inferior. Combinación circular con tres coviñas centrais e conxunto de sete coviñas agrupadas.
5ª parada. PETROGLIFO OS CORTELLOS II.
Laxe con círculo sinxelo con coviña central.
6ª parada. MIRADOR DE SAN MIGUEL OS CORTELLOS.
Dende este miradoiro podemos contemplar una ampla vista panorámica de todo o Val de Roxos, ao Pico Sacro e á cidade de Santiago. Un momento para descansar, para deixar a mente libre e viaxar no tempo. En noites despexadas a visión do ceo é espectacular contemplando astros e estrelas imaxinándonos como sería a visión dos nosos antepasados no Val de Roxos e o seu legado no tempo a través dos gravados nas rochas.
7ª parada. OBSERVACIÓN DE AVES.
Dende o miradoiro de San Miguel baixamos polo camiño vello de Fraíz a Portela entre carballeiras e outras árbores autóctonas de Galicia. Atopándonos no camiño con rochas de seixo branco de gran beleza. Á metade de camiño atopamos un piñeiro con niños de peto no que aniñan, escóitase e se vese a variedade de aves da contorna. Temos a posibilidade de facer fotos artísticas. Seguimos a baixada cara a seguinte parada e para elo temos que coller dúas bifurcacións; a primeira á esquerda e a segunda á dereita camiño do Agro do Campo.
8ª parada. PETRÓGLIFO AGRO DO CAMPO I-II.
Clasifícase como grupo xeométrico Cronoloxía: prehistórica e histórica. Unha das laxes ten dúas coviñas e un cruciforme e a outra cinco coviñas. Laxe bastante modificada pola acción do tempo, traballos agrícolas, paso de rutas de bicicletas.
9ª parada. PETRÓGLIFO O REXÍO (GA15078007).
É o único petróglifo catalogado da estación de petróglifos de Monte San Miguel situado a menos de douscentos metros dos novos xacementos ao pé do Camiño de Santiago. As gravados atópanse sobre dous afloramentos contiguos. Na situada máis ao S hai unha combinación circular de dous círculos concéntricos e dous apéndices radiais con cazoleta central. Entre o primeiro e o segundo circulo hai 5 cazoletas. No estremo S deste afloramento existe unha combinación circular cun so círculo incompleto e cazoleta central. Sobre o resto da superficie localízanse un mínimo de 29 cazoletas.
10ª parada. PETRÓGLIFO “OS VALADOS”.
Rematamos a ruta nun dos achádeos máis recentes da estación. Leva o nome en honor a Manuel Romero veciño da parroquia comprometido coa labor do coidado e divulgación do patrimonio arqueolóxico. Gravado situado sobre unha laxe irregular de gran tamaño, a unha altura media por debaixo da normalidade dos petróglifos da estación. De temática xeométrica, destacan polos círculos concéntricos