Consulte a nosa política de privacidade
Introducción etnográfica do Val de Roxos, o río e os seus muíños. Os núcleos, as canteiras proveedoras de pedras ao Santiago medieval. Fotos antigas do val.
Villestro é unha parroquia do rural compostelán formada polos lugares de Reborido, Fraíz, Carlexo, Feáns, Tras igrexa, Quintáns, Portela, Vilastrexe, Roxos, Silvouta, Carballal, Pedrido e Piñeiro. Estas aldeas fóronse conformando tomando dous eixes principais: a estrada de Noia e o propio río Roxos.
Sen dúbida, o río Roxos determinou en grande medida a paisaxe humana do seu val. Ao longo del atópanse moitas das aldeas, intelixentemente situadas nas abas dos montes para protexérense dos ventos e deixar libres para o cultivo as mellores terras. O propio nome indica a importancia deste recurso natural, pois deriva dunha palabra prelatina que significa “corrente de auga”, ao igual que Sar e Sarela, os dous grandes ríos do concello.
Case podemos describir a paisaxe de Villestro a través da toponimia dos seus lugares: a abundancia de pedras en Pedrido, os bosques de árbores altas na Silvouta, a vexetación autóctona en Carballal ou Piñeiro, ou o paso entre montes pola Portela. Pola contra, o nome de Fraíz parece que ven do latín villa Frarici, que significa “a casa de Frarico”, quizais un antigo habitante do lugar.
Como testemuña deste pasado tamén temos a Pedra da Legua, unha zona situada na marxe dereita da estrada en dirección a Noia. Este topónimo fai referencia ao fito material encargado de marcar no século dez as tres leguas que definían o límite entre o Xiro da Cidade e o Xiro da Rocha. É dicir, entre as terras da cidade e as novas terras da contorna rural que o rei Ordoño segundo outorgou á xurisdición do arcebispado compostelán. Este feito deu notoriedade ao nome de Villestro, pois creáronse dous cargos que durante varios séculos haberían de exercer a xustiza neste territorio: o “xuíz de Luou” e o xuíz de Villestro”.
Polo demais, a vida na parroquia de Villestro non era diferente da vida noutras parroquias galegas dedicadas á gandería e agricultura de subsistencia. Aínda hoxe quedan restos duns dez muíños no río Roxos, o que indica o uso intensivo deste río, e arredor de 100 hórreos, proba da importancia do traballo da terra ata hai ben pouco. Diferentes documentos de séculos pasados destacan a calidade e produtividade do terreo, a benignidade do seu clima temperado e a abundancia de mananciais de Villestro, todos trazos moi propicios para o asentamento humano. Así é que temos restos que mostran unha ocupación temperá: desde restos megalíticos ata as primeiras pistas da ocupación romana do val de Roxos, ao pé do castro de Tras igrexa.
Non obstante, podemos sinalar algún trazo particular que singulariza a Villestro dentro de Compostela. A seguinte copla amósanos o seu principal alcume, que destaca unha característica pola que os seus habitantes eran coñecidos popularmente na comarca: Carroucheiros de Villestro, Carroucheiros de Villestro, Vintecinco carroucheiros, caben debaixo dun cesto. A recollida da carroucha para a súa venda era unha actividade humilde pero de moita importancia na economía dos labregos en certas zonas. E Villestro atopábase a escasos quilómetros dunha vila necesitada de combustible para os seus fogares e a súa industria.
Outra particularidade de Villestro ten que ver coa propiedade da terra, en concreto coa propiedade do monte. Tradicionalmente o monte en Galicia é de propiedade colectiva, pertence ás aldeas. Aínda a principios do século dezanove o monte de man común supuña entre os tres cuartos e os dous terzos da superficie galega. Non obstante, o caso de Villestro é distinto, pois o monte comunal foi desaparecendo nos dous últimos séculos e medio, debido a que os veciños decidiron repartilo (de 4785 ferrados constatados en 1752 a un ferrado no 2001). As sucesivas reparticións hereditarias déixannos un panorama actual do monte de Villestro fraccionado ata o extremo, á espera de que rematen os traballos de concentración parcelaria comezados hai varias décadas.
Outro selo de identidade de Villestro foi a súa cantería. Xunto coa parroquia de Figueiras, os seus montes de granito foron fonte de pedra para a vila de Santiago. De feito, varios canteiros chegados de Pontevedra instaláronse aquí. En relación con este terreo granítico, é sobresaínte o importante número de petróglifos que están saíndo á luz recentemente, a maioría da Idade do Bronce. Destaca de forma especial o conxunto de gravados prehistóricos descuberto no monte de San Miguel.
Por outra parte, Villestro non foi alleo aos primeiros signos de industrialización de Compostela. Na primeira metade do século dezanove empezou a funcionar a fábrica de papel do Pego, que daba traballo a 16 persoas. Na mesma zona do Pego, tamén relacionados coa forza acadada polos ríos Sar e Roxos preto da súa confluencia, existiron dous muíños fariñeiros. Un negocio do que aínda falan os maiores de Villestro, que no verán tiñan que acudir a eles posto que o río Roxos non sempre tiña o suficiente caudal para mover os muíños veciñais.
Asociacións Villestro
Información de interese