Introdución aos petróglifos e ao arte rupestre.
Viaxe á Prehistoria a través do Tempo
Viaxemos a través do tempo, camiñemos de volta ao pasado, a unha época onda a natureza nos somerxe en todo o seu esplendor moi lonxe de todos os artificios hoxe presentes.
Vaiamos a ese lugar; o mesmo no que hoxe nos atopamos. Imaxinémonos entre carballeiras e brañas, e observemos o gran tesouro que os nosos devanceiros nos deixaron: as pegadas do seu paso polo mundo: a linguaxe das rochas.
Ao longo dos séculos a arqueoloxía e a historia tentan desvelar o pasado, acceder a el, a través destas pegadas no tempo. En realidade a historia e a arqueoloxía constrúen metáforas deste pasado para recréalo e reconstruílo. A súa fin é estudar estes restos, protexelos, e conservalos.
Que son os Petróglifos?
Os petróglifos son unha representación gráfica gravada nas rochas ou pedras, conxunto de gravados rupestres ao aire libre, sobre o terreo, cun simbolismo complexo, difícil de interpretar. Considerados o antecedente dos símbolos previos á escritura. A palabra provén dos termos gregos: petros (pedra) e glyphein (tallar) e foi na súa orixe acuñada en francés como pétroglyphe.
Os petróglifos galegos son unha das manifestacións máis singulares do noso pasado prehistórico. Utilizar a expresión “estilo Atlántico” é máis completo que referirse só a Grupo Galaico de Arte Rupestre (do terceiro ao segundo milenio antes de Cristo) posto que dito estilo esténdese desde o norte de Portugal ata as illas británicas incluíndo Galicia e Irlanda.
Atopáronse petróglifos en todos os continentes con similitudes rechamantes entre eles. Os petróglifos poden pertencer a épocas diferentes da historia. A maioría dos que hai en Galicia encádranse na Idade dos Metais, sendo os máis abundantes e singulares da Idade do Bronce, cos inicios da fundición do cobre na etapa do Calcolítico (aproximadamente entre 2000 antes de Cristo e o 1800 antes de Cristo). Nalgunhas ocasións o cristianismo procesou e transformou os símbolos considerados pagáns quedando as imaxes ocultas por cruceiros, ermidas e igrexas construídas no lugar no que se atopaban estes restos. Como resultado, estes lugares e símbolos foron obxecto de lendas pagás (cos “mouros” como protagonistas en moitos casos, como recolle a fala popular).
Os petróglifos galegos e a sua conexión co eixo atlántico
Oconxunto dos petróglifos galegos é un dos máis ricos e peculiares que podemos atopar, realizados mediante abrasión maioritariamente sobre granito con percusor lítico, instrumento de pedra de dureza superior, concretamente seixo.
Esténdense pola maior parte do territorio galego cunha elevada densidade no cuadrante Sur Oriental. É evidente que boa parte das laxes gravadas non destacan do terreo de forma notable, situándose preferentemente en liñas de tránsito ou en áreas de reserva de pasto que se supoñen frecuentadas non só na prehistoria senón tamén en épocas precedentes e posteriores. En definitiva parecen ter sido concibidos para ser facilmente localizables, coñecendo os códigos de emprazamento. Ao mesmo tempo búscase non alterar a configuración do entorno. Altura media, 200 e 250 sobre o nivel do mar.
Aproximación aos petróglifos do Val de Roxos-Villestro no conxunto do eixo Atlántico
Acaracterización xeográfica é moi significativa para a organización do poboamento prehistórico: trátase dun emprazamento no val do Sar que comprende as cabeceiras dos ríos Roxos, Figueiras e Sarela, en dirección oeste-leste. Este val alóxase na depresión meridiana, e está enmarcado por macizos graníticos que en parte definen tamén o límite occidental do concello de Santiago. O fondo ancho e chán deste val débese a que o río que o forma discorre aproveitando unha flexión tectónica.
O núcleo dos petróglifos composteláns teñen notable interese, posto que é un valioso documento histórico que permite unha aproximación a aspectos da Idade do Bronce. Doutras etapas temos poboados ou tumbas, pero desta etapa os gravados rupestres constitúen practicamente a súa única manifestación. Sistema gráfico que permitiu almacenar e transmitir información relativa ao mundo social e natural dos nosos devanceiros.
Considérase útil para o estudio da arte rupestre o concepto de Sistema de Estacións, conxunto de petróglifos asociados a unha mesma unidade fisiográfica, xeralmente unha serra ou un monte, como se aprecia e establecemos no monte de San Miguel, entre os lugares de Fraíz e Portela, concentrándose sobre todo na zona coñecida como Devesa da Rula, en honor á asociación que redescubriu dita estación. A unha altura media de 150 a 270 metros aproximadamente. Na parte máis baixa próxima a Ponte Brea atopamos as dúas laxes do enigmático e curioso Petróglifo do Rexío, o único da estación de San miguel catalogado polo de agora.
Temática e motivos en xeral
Atemática non é moi variada, e normalmente consiste en representación xeométrica non figurativa. En xeral distínguense dous grupos de temas: os motivos simplemente xeométricos, e os motivos naturais non fieis nin exactos, pero polo menos poden ser identificados como cuadrúpedes ou figuras humanas. Tipoloxía aproximada dos gravados que se sistematizaron nos seguintes grupos: combinacións circulares, labirintos, espirais, coviñas, esvásticas, cuadrángulos, antropomorfos, zoomorfos.
Distinguimos motivos sinxelos, formados por un só elemento formal, e motivos complexos, que son formados por varios elementos. E pola forma de representación poden ser figurativos, cando é posible recoñecer o modelo representado pudendo ser estilizado, esquemático. Non Figurativos, cando non é posible identificar o modelo que se imita. É necesario supoñer que hai elementos de natureza ou de cultura material que proporcionan figuras presuntamente abstractas como un astro, un río, etc. Os deseños figurativos ou non figurativos tamén poden ser xeométricos cando están formados por puntos, liñas, triángulos, e figuras derivadas destes, e especialmente existe certa tendencia á simetría nas composicións.
Temática e motivos nos petróglifos do Val de Roxos-Villestro
Apréciase escaseza de representacións de tipo figurativo naturalista fronte a unha notable presenza dos tipos xeométricos, abstractos e semiesquemáticos.
Observamos que nos petróglifos de Villestro predominan as figuras en forma de coviñas que poden presentarse illadas, en aliñacións ou formando outros motivos. A técnica de confección destes gravados é de sucos de sección transversal en forma de U, moi aberta coma se fose un ovalo partido, con bordes enormemente desgastados, suaves ao tacto e de anchura polo menos o dobre que a profundidade en liñas xerais.
Na estación do Monte de San Miguel existen abundantes exemplos en varias laxes. Especialmente espectaculares os petróglifos Devesa Uno e Devesa Dous.
O tema máis característico e que confire ao Arte Rupestre Galaico unha personalidade diferenciada é a de combinacións circulares, aneis concéntricos de amplo e complexo espectro, que podemos contemplar en moitos dos petróglifos da zona, como se aprecia no Petróglifo de Trasigrexa, con motivos circulares concéntricos simples, catalogado no terceiro milenio antes de Cristo.
Así mesmo, aprécianse tamén nos petróglifos da parroquia algúns dos motivos máis habituais nos gravados rupestres do noroeste da Península Ibérica: labirintos, idoliformes, cadrados, zigzag, piletas. Por exemplo, temos unha representación semellante a un taboleiro nos petróglifos da Devesa da Rula seis e catro.
Dentro do grupo naturalista só figura unha pequena laxe na paraxe do Pinal cun pequeno zoomorfo.
Por outra parte destaca a representación de cruces sobre varios gravados prehistóricos asociados a unha función de cristianización. E outras cruces de factura posterior, feitas con outra técnica en forma de V con bordes moi angulosos e paredes rectas, que nos falan dunha relativa modernidade, dunha fase que arrancaría da alta idade media, relacionando estas figuras con delimitacións xurisdicionais de coto, de parroquias, desligándose do groso dos gravados prehistóricos encadrados dentro dos petróglifos do termo.
En resumo, os petróglifos do Val de Roxos pódense observar as dúas técnicas mencionadas que datan desde os catro mil anos ata a reutilización en etapas recentes. Ás veces son difíciles de observar polo grao de erosión que presentan e polo pésimo estado de conservación que presentan algúns gravados. Moitas veces só son recoñecibles por retoques recentes e en xeral só son visibles baixo un tipo de luz diúrna a certas horas. Recoméndase unha visita nocturna con luz rasa artificial para poder contemplalos e observalos.
Están catalogados seis petróglifos con ficha no plan xeral de ordenación urbana no concello de Santiago.
Asociacións Villestro
Información de interese



