2ª Parada
Cidade de peregrinos.
Cidade de peregrinos.
Nesta parada achegámonos á porta pola que os peregrinos que se dirixían a Fisterra abandonaban a cidade. Incluso foi coñecida como porta do Santo Peregrino, pequeno exemplo de como a peregrinación determinou e condicionou a estrutura urbana. Estamos nun balcón do pazo de Raxoi, o último dos edificios construídos na praza do Obradoiro, que naceu no 1766 con varias funcións: casa do Concello, cárceres públicas e eclesiástica, e Seminario de Confesores. Para a súa construción foi necesario desfacerse do lenzo da muralla que pasaría exactamente polo medio do edificio, xusto baixo os nosos pés.
Como toda cidade medieval, Santiago estaba defendida por unha muralla. Delimitaba o espazo urbano e, polo tanto, condicionaba a vida dos seus habitantes e a configuración e desenvolvemento do espazo interior. Tamén quedaba diferenciado do espazo exterior, a muralla era unha fronteira co espazo rural.
Xa a primeira igrexa tras o descubrimento do corpo no século nove estivo rodeada dunha pequena muralla. Abarcaba basicamente a catedral, a praza da Quintana e o mosteiro de San Paio de Antealtares. Entón, é evidente que a cidade naceu como lugar de culto e de peregrinación. Os primeiros habitantes foron clérigos e persoal de servizo para o culto.
A nova muralla feita no século once polo bispo Cresconio perdurou ata o século dezanove. A lonxitude ampliouse ata uns 2 quilómetros e deulle ao casco antigo de Santiago a súa forma amendoada. Co tempo a súa función defensiva desapareceu e viviu momentos de abandono debido aos elevados custos de mantemento. Pero seguiu sendo importante para o control tributario das mercadorías e no ámbito sanitario, pois o illamento dos enfermos era o único remedio coñecido para evitar o contaxio e controlar epidemias.
Como espazo de transición entre o mundo rural e o mundo urbano, naceron ante as portas da cidade os arrabaldes, moitas veces arredor de mosteiros das ordes mendicantes. Por exemplo, na entrada polo Camiño Francés atópase aínda hoxe o barrio dos Concheiros, nome derivado da actividade económica dos artesáns especializados en facer cunchas de vieiras, que desde moi cedo converteuse no distintivo do peregrino que chegou con éxito a Santiago.
Nos arrabaldes tamén se situaban os cultivos e campos que proporcionaban alimentos á cidade. O arrabalde da porta da Trindade, ante o que estamos, conserva moi ben o trazado histórico, no que alternan rueiros e espazos libres. Foi a principal zona agrícola da cidade: as hortas de San Clemente e as hortas de Galeras. As hortas de San Clemente perduraron ata hoxe e dan nome á rúa pola que sae o Camiño cara Fisterra: a rúa das Hortas.
Debido ao forte desnivel da cidade, por esta porta saían as augas residuais e a auga da choiva que baixaban desde a Acibechería e rúas adxacentes. A rúa das Hortas non estaba empedrada, de modo que en ocasións a forza da auga arrastraba a terra da rúa e as casas quedaban cos alicerces ao aire, co conseguinte perigo de derrubamento. Os veciños incluso tiñan que entrar nas casas mediante escaleiras. Esta porta tivo durante moito tempo esta función de sumidoiro da cidade.
En relación coa peregrinación, hai que dicir que por esta porta saían os peregrinos cara a Fisterra. Ademais aquí se sitúan varias infraestruturas relacionadas cos peregrinos.
Desde os seus comezos, ao longo do Camiño de Santiago foise creando toda unha rede asistencial e hospitalaria de axuda ao peregrino, pois as condicións sanitarias nas que camiñaban e se aloxaban non eran boas.
En 1486, os Reis Católicos visitan por primeira vez Santiago de Compostela e constatan que a atención aos peregrinos era moi deficiente. Había centros que atendían a pobres e peregrinos, como o Hospital de Santiago que o arcebispo Xelmírez creou no século doce, pero non eran suficientes. Esta é unha das razóns polas que deciden construír un novo equipamento hospitalario no interior da cidade que dese servizo ós numerosos peregrinos. O lugar escollido foi na praza que quedaba aos pes da catedral, que naquel momento estaba moi lonxe da entidade e monumentalidade de hoxe. Ademais de hospital, os peregrinos que chegaban a Compostela e conseguían a “carta probatoria” da peregrinación (antecedente da Compostela) tiñan dereito a tres días de aloxamento gratuíto. Durante a construción do seu miradoiro, a mediados do dezaseis, eliminouse parte da torre da muralla que protexía a porta, xa en ruínas, porque lle quitaba vistas. Desde 1954, este edificio forma parte dos Paradores de Turismo de España co nome de Hostal dos Reis Católicos.
Pola parte exterior desta porta, atopábase a desaparecida Capela da Trindade, que deu nome á porta, e o Cemiterio de Peregrinos, pechado no dezanove. Capela e cemiterio eran parte das instalacións daquel Hospital de Santiago creado por Xelmírez. En 1508, estes solos foron adquiridos para formar parte das instalacións do Hospital Real de Santiago. Hoxe o terreo no que estivera o cemiterio converteuse nun parque labiríntico de buxo cun deseño que quere recordar a intimidade e tranquilidade dun cemiterio, en contraposición ao marco monumental e bulicioso da cidade na que se atopa.