6ª Parada
Sarela de Abaixo. As Codeseiras
Sarela de Abaixo. As Codeseiras
Breve alusión ao translatio do Apóstol. A lenda da reina Lupa.
Grazas ás vistas panorámicas, esta parada danos a oportunidade de explicar a chegada do corpo de Santiago desde Palestina e o seu enterramento en Compostela. Tanto o pico Sacro e os seus arredores, como a catedral, e mesmo o camiño a Fisterra no que nos atopamos, forman parte da lenda.
ONovo Testamento fala da vida de Xesús e dos seus discípulos, entre os cales se atopaba Santiago Zebedeo, ou o Maior. Di que predicou en Xudea e que no ano 44 foi degolado por orde do rei de Xudea, Herodes Agripa. A tradición popular di que, antes de isto, Santiago estivera predicando en Hispania, “na rexión máis occidental de Europa”. Anos despois xurde a lenda do traslado do cadáver de Santiago por dous discípulos, Atanasio e Teodoro, de volta a esta terra. É a chamada translatio. Resumimos aquí a versión que recolle o Códice Calixtino, libro de temática xacobea que o arcebispo Diego Xelmírez patrocina no século once.
Tras a execución de Santiago, os discípulos recollen o seu corpo e cabeza e, nunha pequena barca, chegan a Galicia en sete días coa axuda de Deus. Buscando un sitio para enterrar os restos, diríxense cara ao interior, cara ás propiedades dunha señora poderosa, Luparia ou Lupa. Pídenlle como tumba un pequeno templo onde ela e o seu pobo adoraban un ídolo. Ela medita un engano para causarlles a morte: dilles que se dirixan ao rei de Dugium para que el lles proporcione unha sepultura. Dugium identifícase actualmente como a zona de Fisterra, onde aínda existe este nome na toponimia.
Este rei planea matalos, pero unha sinal divina indica aos discípulos que deben escapar rapidamente. O rei e os seus homes os perseguen. Están a punto de alcanzalos, pero Deus provoca o derrubamento dunha ponte e, así, a morte de todos os perseguidores.
Volven xunto a Lupa reclamando o templo e que se converta á fe cristiá. Esta vez ela lles cede o uso de dous bois “mansos” que están no monte Ilicino. Con eles poderían transportar todo o que precisasen para a construción da sepultura.
Van confiados ao monte, pero alí atópanse cun enorme dragón que lles ataca co seu lume. Pero eles o vencen ao imporlle a cruz: o dragón rebenta pola metade. Para botar de alí a todos os demos, os discípulos bendicen con auga todo o monte. Desta maneira, ese monte antes chamado Ilicino pasa a chamarse monte Sacro.
Ven que os bois prometidos son bravos e salvaxes. De novo o poder de Deus os fai mansos e sumisos. Os discípulos chegan cos dóciles bois aos pazos de Lupa. Estupefacta, recoñece os 3 milagres e faise crente, tanto ela como toda a súa xente. Destrúe os ídolos e templos anteriores e fai construír o sepulcro para o corpo do Apóstolo. Sobre el, unha igrexa cun altar sagrado, a base lendaria da actual catedral.