Derradeiro esforzo
Nesta etapa, á saída da aldea do Hospital, chamada así porque antigamente contaba cun pequeno hospital dedicado aos peregrinos, o camiñante debe tomar a decisión de se continuar cara a Fisterra ou cara a Muxía xa que o percorrido bifúrcase.
Se o peregrino decide ir en primeiro lugar a Fisterra, terá a oportunidade de coñecer a “fonte santa” do santuario da Nosa Señora das Neves, do século XVIII. Pero non é a única fonte milagrosa xa que na ermida de San Pedro Mártir atoparemos outra con beneficios para distintos tipos de doenzas.
Cee é a primeira localidade da comarca que atopa o peregrino tras o alto do Cruceiro da Armada, de 247 metros e dende onde se pode contemplar o cabo Fisterra ao lonxe. Nesta localidade destaca o pazo do Cotón e a Igrexa de cabeceira gótica da Xunqueira. Continúa o camiño cara á vila de Corcubión, paso previo á chegada a Fisterra e onde se pode gozar do seu casco antigo e experimentar a vida mariñeira da vila. É tamén de gran beleza a igrexa de San Marcos, gótico- mariñeira.
O peregrino chega por fin a Fisterra bordeando as súas formacións dunares e a fermosa praia de Langosteira. Unha arcada, restos do desaparecido hospital medieval de peregrinos, leva á capela barroca onde se atopa o Santo Cristo de Fisterra, do século XIV. Conta a lenda que apareceu na costa tras ser lanzado a auga por un barco no transcurso dunha tormenta. Destaca tamén o templo de Santa María das Areas onde se refuxia a Virxe do Carme na capela maior do século XIV.
O último esforzo do peregrino lévao ata o Cabo Fisterra, símbolo que dá nome á comarca. O fito do quilómetro 0 é o encargado de dar a benvida xunto co edificio coñecido como A Serea, Centro de Información Turística e lugar onde se sela a Fisterrá.
Olveiroa-Muxía
A outra opción desta etapa é continuar desde Olveiroa ata Muxía en lugar de ir ata Fisterra. Conta a tradición que a Virxe chegou a Muxía nun navío de pedra para darlle ánimos ao Apóstolo na súa predicación e que as “pedras santas” da contorna, de propiedades curativas, serían os vestixios daquela barca, de aí o nome do Santuario da Virxe da Barca.
Se o peregrino toma esta variante, dirixirase a Dumbría tomando unha bifurcación en Hospital para despois continuar cara a San Martiño de Ozón, paso previo á baixada cara a Muxía, onde se atopa o albergue de peregrinos.
Nesta etapa pódese gozar de múltiples pontes e observar un dos hórreos máis grandes de Galicia. É tamén interesante o mosteiro de San Xulián de Moraime que se atopa no último tramo da etapa, xusto antes de comezar a baixada cara a Muxía, e dende onde se poden apreciar as fantásticas vistas do mar e da vila.
Os peregrinos comezan cun descenso dende Hospital ata Dumbría (sinalizado cun fito dobre) para despois continuar por un paseo livián por pistas dende Trasufre a San Martiño de Ozón ata chegar ás subidas e baixadas seguintes que pesan un pouco no ánimo xa esgotado. Cómpre non desanimarse xa que a meta está moi preto: unha derradeira baixada e o santuario da Virxe da Barca quedará ao noso alcance.