4ª Parada
Carballeira de San Lourenzo
Carballeira de San Lourenzo
O Camiño como metáfora da historia de Galicia e de Europa
O camiño a Fisterra ó seu paso pola Carballeira de San Lourenzo. Carballeira centenaria no Camiño. Carballeiras, carballais, como símbolo de maxia e de atractivo histórico. Os carballos sempre presentes na nosa xeografía, árbore autóctona por excelencia do noso entorno. Ós seus pés alimentáronse animais tan presentes na nosa dieta diaria como os porcos. As Carballeiras, valor patrimonial da nosa natureza, punto de encontro da sociabilidade, na que en moitas delas tiñan lugar verbenas e feiras, lugar de encontros e lendas.
Carballeira robledal ó pe do campus universitario cargada de simboloxía para Galicia. Lugar de reunión e festexos ó que Rosalía de Castro, a nosa universal escritora, inmortalizou na súa obra “Follas Novas”. Carballeira moi antiga e frondosa na que se atopa o que fora convento franciscano de San Lourenzo de Trasouta, convertido hoxe en residencia palaciega pazo e no que hai celebracións sociais actualmente. Tras a frondosa carballeira de San Lourenzo levántase este mosteiro mandado construír polo obispo de Zamora, Martín Arias, no século trece. Estivo ocupado por franciscanos e no século dezanove pasou a ser propiedade dos condes de Altamira que o empregaban como residencia. Estes condes foron os que trouxeron dende o convento de San Francisco de Sevilla, o fermoso retablo de mármore de Carrara do século dezaseis. A pesar das numerosas reformas, conserva as naves románicas do primeiro edificio. Na actualidade explótase como establecemento de restauración.
O pazo conta con xardíns exteriores que destacan moito más pola súa riqueza, a súa variedade botánica que polo seu trazado. Destaca o seu especial e insólito claustro, neste espazo de planta cadrada, enmarcado por unha galería aberta no piso inferior e con cristais no superior e un paseo bordeando que encerra un xardín de boj tallados formando debuxos que co transcurso dos anos convertéronse en estraños xeroglíficos cun significado é difícil de desvelar.
Nsta paraxe carballeira atopamos o primeiro sinal xacobeo do Camiño que nos indica a distancia ata Fisterra e Muxía.
O camiño a Fisterra ademais de reclamo turístico das rutas xacobeas e fóra de toda moda pasaxeira foi sempre un referente para viaxeiros e peregrinos ó longo da historia. Camiño por terras engarzadas de sentido animista, nas que as crenzas son a prolongación do seu bosque, mar e terra, o lugar polo que os pobos prerromanos crían que as súas almas ascendían ó ceo. Un espazo mítico simbólico que deixaba impresionados ós conquistadores romanos cando viron desaparecer o sol detrás do inmenso océano. A historia desta ruta é unha mestura de paganismo e posterior proceso de cristianización. A partir do século doce, o Códice Calixtino vincula este camiño coa tradición Xacobea. É importante recordar que estamos nun momento histórico enmarcado nun choque relixioso e cultural. Evocamos este camiño como a mellor saída da cidade, cara as terras de Fisterra, este era e segue sendo o punto por onde saían e saen os peregrinos e peregrinas que optan por prolongar a súa peregrinación ata Fisterra.
Situándonos no centro da carballeira podemos observar que diante do Mosteiro ou Pazo está un cruceiro, pode que sexa o que encargou Alonso Lema, señor da casa de Berdoias en terras de Soneira , para colocar alí o milladoiro situado ante dito mosteiro de San Lourenzo. O cruceiro labrouno un canteiro de Santiago chamado Juan Fernández Jerónimo del Hoyo. Recóllese na súa documentación que ademais das feiras da Ascensión e do Apóstol celébrase o día de San Lourenzo e podemos supoñer que esta feira tiña lugar nesta carballeira.
Para recalcar máis este papel de lugar de entrada da cidade, diremos que aquí estaba situado un *fielato*. Os fielatos eran postos de vixilancia situados na entrada das poboacións e de cobro de impostos que gravaba as mercancías de consumo en xeral. Había alí de modo constante, gardas que rexistraban persoas e vehículos para que pagasen taxas por tódolos produtos alimenticios incluídos para consumo propio, que entraban na cidade. Este fielato aparece no pleno municipal de 1907. Mencionamos sempre o transcurso no tempo e a introspección noutras épocas, como a medieval: evocamos o paso por este Camiño de arrieiros cos produtos da terra e do mar, sendo estes tan necesarios na dieta da poboación da vila que viñan de terras afastadas e misteriosas, de terras do outro lado, cargados con madeira e pedra tan necesaria para os obradoiros, para a construción e para quentar as casas; paso para os muíños e para o seu labor, camiño e paso para as xentes do rural da comarca de Compostela, que viñan vender as súas mercancías, camiño das leiteiras de Val de Roxos, camiño de peregrinos e peregrinas, e de viaxeiros cara a posta de sol do fin do mundo coñecido e cara os santuarios cristianizados do mesmo lugar.
Santiago antes de ser meta de peregrinacións e centro eclesiástico señorial era un lugar con certa importancia na rede de comunicacións polo seu emprazamento , cando menos en época romana, e altomedieval seguramente tamén en época prerromana. Recordamos que por aquí pasaba a Vía Romana dezanove que dende Iria Flavia dirixíase á cidade de Lucus.
Dentro do sistema viario romano, Santiago, sería un lugar secundario, pero ben situado estratexicamente, converténdose nun lugar clave e importante, camiño tamén do mar. Importancia que continuaría no tempo, e parte do trazado viario romano converteríase nunha rede de camiños altomedievais, que serían aproveitados cando se comeza a definir un territorio arredor da cidade, dende que Afonso segundo levanta a primitiva igrexa de Santiago no primeiro terzo do século XIX.
Santiago xa era entón punto de confluencia de cinco vías nas que existían miliarios separados entre si por unhas distancias perfectamente calculadas. Fálase entón da milia in giro ecclesia, dun territorio no que a igrexa exercía un poder señorial que ía estendendo segundo se ían outorgando concesións reais sobre este territorio ata chegar mesmo ó límite do océano. Consideramos importante facer referencia nesta ruta que nos leva a pasar pola parroquia de Villestro nomear a “Pedra da Legua” como unha posible marca de xiro.
Dende tempo atrás a igrexa de Compostela tiña nas terras ad partem Occidentis propiedades, nas que cobraban rendas e províanse de peixe, elemento vital na dieta en tempos de coáresma. En consecuencia, tiña que haber cando menos certo interese en comunicarse con estas terras, e así, no século nove había unha “vía Santiago- Logroso cara Finisterre”. Este camiño non se consolidará definitivamente ata a baixa Idade Media.
A ruta foi sinalizada polo Xacobeo en 1997. Este era un camiño empedrado aínda en 1975, como nolo recorda un veciño da zona baixa cara A Ponte Sarela pola Costa do Cano.
.