Plan de Acción para a Economia circular

Puntos de interese: Arquitectura relixiosa

Tradicionalmente, Villestro foi unha parroquia de gran culto relixioso. Nela atopamos tres centros litúrxicos: a igrexa de Santa María de Villestro, a capela de San Miguel e a capela do Carme.

SANTA MARÍA DE VILLESTRO

Hai dúbidas sobre a antigüidade desta Igrexa, pero tal e como a vemos hoxe en día pódese dicir que foi obra de dous mestres, o primeiro deles don Francisco Mira e o segundo don Tomás del Río, sendo este o encargado de levantar a fachada seguindo probablemente os planos de Miguel Caaveiro. A súa construción rematou durante o século XIX. Os promotores da dita obra foron o médico don José Fariña del Valle e o seu sucesor e sobriño don José de Soto e Fariña.

A igrexa é de estilo barroco clasicista e está construída segundo a arquitectura popular: en pedra granítica os muros e a cuberta de tella a dúas augas.

É de grandes dimensións e érguese sobre unha planta de cruz latina. A ábsida está orientada cara ao poñente do sol. A fachada monumental remata nunha torre campanario de orde xónica e cun reloxo no centro da fachada. A portada de medio punto dá acceso a un pórtico que precede ao interior do templo. A sancristía, de planta cuadrangular, está pegada ao lateral norte da cabeceira e cóbrese cunha bóveda de cruzaría cunha clave de gran beleza. O interior, de grandes dimensións, é dunha única nave cuberta por unha bóveda de canón sostida por arcos faixóns sobre pilastras que marcan os tramos da nave. O cruceiro cóbrese con bóveda de cruzaría.

Unha das características desta igrexa é que consta de sete altares: o altar maior e os colaterais foron construídos e tallados no ano 1802 polo mestre escultor don Antonio del Río. O retablo do altar maior é obra do mestre don Benito de Pazos e as imaxes da Nosa Señora, San Xoán Bautista e San Xosé, que se atopan nel, foron encargadas ao escultor don Bartolomé Fernández. Os retablos laterais están dedicados respectivamente á Virxe do Carme e a San Roque.

Nesta Igrexa debemos facer mención a dous cruceiros: o cruceiro de Sta. María de Villestro e o cruceiro de Trasigrexa. O primeiro, sito no cemiterio e realizado en granito, posúe cruz circular, capitel cuadrangular con astrágalo cuadrangular, ábaco de lados curvos e vértices achafranados, e detalles de follas e cabezas de anxo con ás. Ten un fuste octogonal e símbolos da Paixón. Por último, a súa base é cuadrangular de dous corpos e plataforma cuadrangular de catro graos.

Por outra banda, o cruceiro de Trasigrexa sitúase no campo anterior á Igrexa (adro), no mesmo conxunto do que forman parte a fonte que alí se atopa. Está realizado en granito, ten un altar, posúe cruz circular, e está orientado leste-oeste: no oeste vemos a imaxe de Cristo crucificado, e no reverso, no leste, a imaxe da Virxe cos dedos das mans entrelazados e sobre peaña de Tres anxos cos ás. Ambas as imaxes simbolizan a morte (a caída do sol polo oeste), coa crucifixión de Cristo, e a vida (o amencer polo leste), coa imaxe da Virxe.

CAPELA DE SAN MIGUEL

Na aldea de Roxos atopamos a pequena capela de San Miguel. É unha capela que foi reconstruída en cemento perdendo así moito do seu valor artístico. Esta reconstrución foi consecuencia do traslado que a capela sufriu en 1961, por mor das obras de ampliación da estrada.

Pertencente ao conxunto da Capela de San Miguel é o cruceiro coñecido como cruceiro de Roxos, realizado en granito, de cruz octogonal con remates florenzados, con imaxes de Cristo crucificado e volutas e imaxes de Santiago Matamouros e de Santa Teresa.

CAPELA DO CARMEN

Esta capela de pequenas dimensións situada na da aldea de Fraíz, está construída a base de pedras de cantería, con planta rectangular e decoración sinxela. Na actualidade é de propiedade privada e nela non se celebra ningún acto relixioso.

Sen dúbida, o máis destacable desta capela é que forma parte dun bonito conxunto, enclavado no corazón da aldea de Fraíz, formado por casas tradicionais, unha impresionante casona de orixe fidalga (na actualidade de propiedade privada) e un patio dende o que gozar das vistas ao val.